Segunda residencia artística Estudio Aberto

Enredarte Estudio Aberto II

Enredarte – Estudio Aberto II

Estudio Aberto é unha iniciativa encadrada no proxecto EnREDarte, na que mediante dúas residencias artísticas, 12 artistas seleccionados conviven nun proceso de creación dialogada a través dun obradoiro conxunto e aberto. Durante unha semana, os visitantes atopan na Sala de Exposición do Pazo de San Marcos, un espazo vivo dinámico, en constante cambio, contenedor de experiencias compartidas, tomando ao público como axente activo das obras.

Rematada a primeira residencia, mañá xoves, día 1 de agosto, dará comezo a segunda das residencias que, ata 7 de agosto, vaise desenvolver segundo o seguinte programa:

1. Agosto: 11.30h_Presentación e apertura desta segunda residencia no Museo Provincial de Lugo  por Encarna Lago González, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo e Paula Cabaleiro, coordinadora de Estudio Aberto, na que participan os artistas Mónica Trastoy, José M. Luque, Eva Cruz, Edurne Herrán, Elena Gaztelumendi, Paz Vicente, Cristóbal Tabares e Ro-Ro.

 

1<7. Agosto: traballo colectivo dos artista citados no espazo (Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos)  Horario: 10 a 14h/ 16.30 a 20.30h

1<7. Agosto: 19.00h_ UN DÍA, UN ARTISTA… presentación de proxectos

Xoves 1: José M. Luque / Venres 2: Cristóbal Tabares e Ro-Ro + Elena Gaztelumendi  Sábado 3: Mónica Trastoy / Domingo 4: Paz Vicente / Luns 5: Edurne Herrán / Mércores 7: Eva Cruz

CHARLAS CON… 

(Visita de profesionais do sector: comisarios, críticos, xestores culturais, artistas…)

 

Sábado 3: 20.00h_Charla con JAVIER BLANCO

Director da galería de arte Metro (Santiago de Compostela)

 

Martes 6: 15.30h_SAÍDA A CORUÑA

 

17.00h : Visita a Fundación Luís Seoane

Charla coa directora, SILVIA LONGUEIRA

18.30h : Visita a MAC (Museo de Arte Contemporánea)

Charla co Departamento de Didáctica

 

Mércores 7: 20.00h_Charla con DAVID BARRO

Comisario independente, director da revista de arte DARDO

 

8<9. Agosto : MONTAXE EXPOSICIÓN

9. Agosto : INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN

9<25. Agosto : EXPOSICIÓN. clausura o domingo 25

O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, no Museo de Lugo, xunto con Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, o I Simposio Arte e Natureza que se celebrará os días 27 e 28 de xullo no Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, máis a Residencia Artística do mesmo nome, que se desenvolverá do 20 ao 25 de agosto.

Segundo explicou Mario Outeiro, “ámbalas dúas accións, que se organizan no marco do proxecto Enredarte, servirán para traballar as relacións que se presentan entre arte e natureza e a creación do artista incluída nos movementos ecolóxicos”.

“O Pazo de Tor – continuou o delegado – vaise converter en centro de investigación e difusión artística en torno aos conceptos de arte, natureza e territorio, mentres que a súa finca será escenario de intervencións, en estudo compartido ao aire libre e en substrato de cultivo para crear sinerxías entre os artistas participantes”.

O I Simposio Arte e Natureza, para o que hai dispoñibles 50 prazas, comezará cunha conferencia inaugural que terá lugar o sábado 27, ás 10:30 horas, da man de Fernando Casás, artista e profesor na Facultade de Belas Artes da UVIGO, e baixo o título ‘Arte e natureza: civilización e urxencia doutra realidade’, seguida dunha visita ao Pazo de Tor e á súa finca. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, desenvolverase unha táboa redonda que versará sobre ‘A angustia do paraíso perdido’, seguida dunha visita á Ribeira Sacra. As xornadas rematarán o domingo, 28 de xullo, cunha táboa redonda, que terá lugar as 11:00 horas, sobre o ‘Paraíso como natureza’.

“Un conxunto de profesionais que teñen ás súas costas unha contrastada e dilatada carreira relacionada coa arte e natureza, formado por Fernando Casás, Ruth Montiel, Alberto Ruíz de Samaniego, David Barro, Federico López Silvestre, Lucía Loren ou Chus Martínez, achegará os seus coñecementos a estas xornadas que están dirixidas tanto a artistas como a historiadores da arte e outros axentes do sector”, precisou Outeiro.

Por outra banda desenvolverase a Residencia Artística Arte e Natureza que dará cabida a artistas de moi diversas disciplinas como a intervención, a instalación, a escultura ou o audiovisual, entre outras, e no que os creadores poderán traballar en formato e técnica libres, sempre que manteñan o respecto ao espazo e á natureza, aí como ao resto dos artistas.

Cada artista ou colectivo elaborará un proxecto artístico, a realizar entre os días 20 e 25 de agosto, a modo de residencia aberta ao público. Un xurado especializado seleccionará catro traballos entre todos os presentados que formarán parte dunha mostra que se inaugurará o 25 de agosto, coincidindo coa clausura da Residencia Artística, e que permanecerá aberta ao público ata o 30 de setembro.

Estudio aberto – colaboración colectiva

Estudio Aberto é unha iniciativa que bebe das directrices do proxecto Enredarte no que se enmarca: EXPERIENCIA, VISIBILIDADE e o compendio CREAR-COMPARTIR-PARTICIPAR.
Mediante dúas residencias artísticas, 12 artistas seleccionados rigurosamente por un xurado de profesionais da arte, conviven nun proceso de creación dialogada a través dun taller conxunto e aberto. Durante unha semana, os visitantes atopan na sala de exposición do Pazo de San Marcos, un espazo vivo, dinámico, en constante cambio, contedor de experiencias compartidas, tomando o público como axente activo das obras.
A primeira residencia de artistas de Estudio Aberto, que se está a desenrolar na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, do 1 ó 7 de Xullo, está aberta ás ao público en horario de 10 a 14h e 16.30 a 20.00h ata o domingo 7, visitando en plena creación aos artistas Ruth Montiel Arias, Reme Remedios, Senén Olano, Lomarti, Isabel Alonso e Gema López. Ademáis dúas das instalacións, as realizadas por Senén Olano e Reme Remedios, precisan da colaboración colectiva.
Olano desenrolará unha sesión participativa este venres 5 de mañá, para todos aqueles nenos e nenas de entre 5 e 10 anos que se acheguen á sala e queiran participar do seu gran debuxo continuo.

Pola súa conta, a artista Reme Remedios está a recoller pequenos obxectos ao longo da semana que os visitantes lle achegan, para formar parte das súas pequenas instalacións nas paredes da sala.

Seleccionáronse os artistas que participarán cos seus proxectos en ENREDARTE

Seleccionáronse os artistas que participarán cos seus proxectos en ENREDARTE

Seleccionáronse os artistas que participarán cos seus proxectos en ENREDARTE

Esta mañá, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou xunto á xerente da Rede Museística, Encarna Lago, a selección de artistas, feita por un xurado de profesionais do mundo da arte, que farán parte do proceso de creación do proxecto ENREDARTE nas diversas accións que se levan a cabo dentro do proxecto.

Mario Outeiro destacou o carácter multidisciplinar, aberto e inclusivo dun proxecto global como ENREDARTE, “que dan a oportunidade tanto a novos creadores como a artistas xa consagrados, creando unha simbiose moi proveitosa. É un proxecto que abrangue cinco iniciativas que se desenvolven nos catro museos da Rede Museística, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e o antigo Hospital de San Xosé. Porén, ademais de plataforma para visualizar os traballos duns artistas determinados, EnredArte é tamén un acicate para promover a creación artística, xa que xurdirán novos proxectos creativos a raíz deste proxecto porque os artistas veranse animados e, ademais, isto tamén axudará a pór en valor os espazos museísticos e os fondos dos propios museos da Rede. Por todo isto, creo que estamos diante dun proxecto dunha envergadura moi grande xa que abrangue todas as esferas artísticas e desde todos os puntos de vista: creación, difusión, posta en valor de novos artistas e de espazos culturais singulares. Que os artistas aproveiten estes recursos e o público se achegue á arte”.

Encarna Lago anunciou cales serán os artistas seleccionados para participar en Estudio Aberto, concibido para artistas plásticos de diferentes disciplinas: pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videocreación, etc. A sala de exposicións temporais do Pazo de San Marcos converterase, durante dous meses, nun estudio aberto no que 12 artistas, mediante dúas residencias artísticas no Pazo de San Marcos disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados. A decisión do Comité de Selección das propostas presentadas á sección de Estudio Aberto do proxecto EnREDarte foi para a residencia de xullo: Reme Remedios, Paz Vicente, Cristóbal Tabares e Ro-Ro, Gema López, Elena Gaztelumendi e Lomarti; Para a residencia de agosto: Mónica Trastoy, José M. Luque, Eva Cruz, Edurne Herran, Senén Olano, Ruth Montiel Arias. Como suplente queda designada Isabel Alonso.

Por outra parte, para Diálogos na Rede, a iniciativa aberta aos artistas que respondan á convocatoria dos catro Museos da Rede Museística Provincial (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Pazo de Tor e Museo Etnográfico de San Paio de Narla) e presenten proxectos de intervención que establezan un diálogo artístico con pezas ou coleccións concretas pertencentes a un dos catro museos da Rede, o xurado seleccionou dous artistas para intervir en cada un dos museos: Enrique Tenreiro, Iago Eireos, Marina Núñez, Oscar Seco, Carmen Llonín, Paula Cabaleiro, Isabel Somoza, Yolanda Dorda.

Dentro da iniciativa Espazos Públicos de Visibilidade, tamén pertencente ao proxecto global ENREDARTE, mañá 11 de xuño, ás 17:30 horas, a xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo, Encarna Lago, xunto a Lucía Dequit e Francisca Abuín do departamento de Didáctica da Rede, visitarán o Centro Penitenciario de Bonxe para dar a coñecer ao persoal recluso deste centro os museos lucenses e os seus contidos a través dunha charla, complementada con diversas actividades. Logo, o xoves, 20 de xuño, na Sala Multiusos do MPL, os participantes nesta experiencia, reclusos do Centro Penitenciario de Bonxe, darán a coñecer os seus traballos plásticos aos visitantes con unha exposición.

O proxecto Enredarte porá a disposición de artistas e creadores as instalacións culturais da Deputación

Mario Outeiro e Encarna Lago na presentación de Enredarte

Mario Outeiro e Encarna Lago na presentación de Enredarte

O delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou esta mañá no Museo de Lugo o proxecto Enredarte, un proxecto global que aglutina cinco iniciativas para incentivar a creación, promoción e difusión das artes visuais, escénicas, musicais, literarias dotando aos artistas de espazos culturais para as súas creacións. Na presentación do proxecto tamén participou Encarna Lago, xerente da Rede Museística e coordinadora do mesmo proxecto e preto de corenta artistas que quixeron participar nesta presentación pública dun ilusionante programa que bota a andar.

Na súa intervención, Mario Outeiro afirmou que “con este proxecto tan ambicioso cremos que cumpriremos cun dos obxectivos de toda instancia e administración cultural, fornecer aos novos artistas e creadores, aínda que tamén aos consagrados, duns espazos óptimos para mostrar ao público as súas creacións, co que os dotamos dos medios necesarios para pór en valor o seu traballo. Porén, ademais de plataforma para visualizar os traballos duns artistas determinados, EnredArte é tamén un acicate para promover a creación artística, xa que xurdirán novos proxectos creativos a raíz deste proxecto porque os artistas veranse animados e, ademais, isto tamén axudará a pór en valor os espazos museísticos e os fondos dos propios museos da Rede. Por todo isto, creo que estamos diante dun proxecto dunha envergadura moi grande xa que abrangue todas as esferas artísticas e desde todos os puntos de vista: creación, difusión, posta en valor de novos artistas e de espazos culturais singulares. Non podemos máis que traballar e desexar que sexa o éxito que todas e todos agardamos”.

Tal e como explicou Mario Outeiro, este proxecto desenvolverase ao longo do segundo semestre deste ano e componse “de cinco iniciativas para incentivar a creación, promoción e difusión da arte: diálogos na Rede, Espazos públicos de visibilidade, Estudio Aberto, I Simposio Arte e Natureza no Pazo de Tor e SAUDARTE, que darán vida a todos os espazos da nosa Rede Museística e o último, Saudarte, que será unha ocupación temporal do edificio do Hospital San Xosé seguindo o ronsel do exitoso proxecto EntoleArte que enchera o antigo psiquiátrico de Castro de propostas artísticas de case un cento de artistas”.

Espazos públicos de visibilidade – 1 de xuño a 31 de decembro de 2013 – Museos da Rede Museística Os Museos da Rede ofrecen os seus espazos dispoñibles para a presentación diante do público de calquera proposta artística : teatro, música, danza, humor,… Haberá unha convocatoria para a presentación de proxectos individuais ou colectivos. Cos proxectos seleccionados establecerase un calendario de actuacións en distintos espazos (pechados e abertos) dos catro museos. A Rede Museística Provincial organiza o programa, facilita os espazos e ocúpase da promoción e difusión de todas e cada unha das intervencións.

Estudio aberto – 1 de xullo a 31 de agosto de 2013 – Sala de exposicións da Deputación de Lugo Concibido para artistas plásticos de diferentes disciplinas: pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videocreación. A Sala de exposicións temporais do Pazo de San Marcos converterase, durante dous meses, nun estudio aberto no que os artistas, elixidos mediante convocatoria pública, disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados.

I Simposio Arte e Natureza no Pazo de Tor – xullo de 2013 – Pazo de Tor Xornadas de traballo no pazo de Tor arredor da arte e da natureza. Admitiranse proxectos de artistas que fan arte terrestre ou de integración das artes na natureza, especialmente aqueles que traballan con madeira, terra, pedra, area, auga, rocas … e que adapten as súas ideas concretas de traballo á contorna do Pazo de Tor e ao diálogo co público. Un xurado seleccionará a catro artistas entre os que presenten as súas propostas. Tamén estará aberta a posibilidade de presentar relatorios en relación co tema do simposio.

SAUDARTE – setembro de 2013 – Hospital de San Xosé de Lugo Proxecto para un edificio que foi hospital e que non ten aínda un destino de uso definido para o futuro. Trátase de abrir temporalmente as súas dependencias para presentar todo tipo de intervencións e propostas artísticas en diferentes eidos creativos: artes visuais, escénicas, musicais, literarias …. Un xurado cualificado seleccionará trinta propostas, individuais ou de grupo, para intervir neste proxecto que segue o ronsel do que tivo lugar no tamén pechado Hospital Psiquiatrico San Rafael de Castro: Entolearte. Valoráranse especialmente (pero non de xeito excluínte) aqueles proxectos que, en relación co antigo uso do espazo expositivo, fagan referencia á enfermidade e a saúde ou aos valores curativos da arte.