O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O proxecto Enredarte conxugará arte e natureza no Pazo de Tor

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, no Museo de Lugo, xunto con Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, o I Simposio Arte e Natureza que se celebrará os días 27 e 28 de xullo no Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, máis a Residencia Artística do mesmo nome, que se desenvolverá do 20 ao 25 de agosto.

Segundo explicou Mario Outeiro, “ámbalas dúas accións, que se organizan no marco do proxecto Enredarte, servirán para traballar as relacións que se presentan entre arte e natureza e a creación do artista incluída nos movementos ecolóxicos”.

“O Pazo de Tor – continuou o delegado – vaise converter en centro de investigación e difusión artística en torno aos conceptos de arte, natureza e territorio, mentres que a súa finca será escenario de intervencións, en estudo compartido ao aire libre e en substrato de cultivo para crear sinerxías entre os artistas participantes”.

O I Simposio Arte e Natureza, para o que hai dispoñibles 50 prazas, comezará cunha conferencia inaugural que terá lugar o sábado 27, ás 10:30 horas, da man de Fernando Casás, artista e profesor na Facultade de Belas Artes da UVIGO, e baixo o título ‘Arte e natureza: civilización e urxencia doutra realidade’, seguida dunha visita ao Pazo de Tor e á súa finca. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, desenvolverase unha táboa redonda que versará sobre ‘A angustia do paraíso perdido’, seguida dunha visita á Ribeira Sacra. As xornadas rematarán o domingo, 28 de xullo, cunha táboa redonda, que terá lugar as 11:00 horas, sobre o ‘Paraíso como natureza’.

“Un conxunto de profesionais que teñen ás súas costas unha contrastada e dilatada carreira relacionada coa arte e natureza, formado por Fernando Casás, Ruth Montiel, Alberto Ruíz de Samaniego, David Barro, Federico López Silvestre, Lucía Loren ou Chus Martínez, achegará os seus coñecementos a estas xornadas que están dirixidas tanto a artistas como a historiadores da arte e outros axentes do sector”, precisou Outeiro.

Por outra banda desenvolverase a Residencia Artística Arte e Natureza que dará cabida a artistas de moi diversas disciplinas como a intervención, a instalación, a escultura ou o audiovisual, entre outras, e no que os creadores poderán traballar en formato e técnica libres, sempre que manteñan o respecto ao espazo e á natureza, aí como ao resto dos artistas.

Cada artista ou colectivo elaborará un proxecto artístico, a realizar entre os días 20 e 25 de agosto, a modo de residencia aberta ao público. Un xurado especializado seleccionará catro traballos entre todos os presentados que formarán parte dunha mostra que se inaugurará o 25 de agosto, coincidindo coa clausura da Residencia Artística, e que permanecerá aberta ao público ata o 30 de setembro.

Advertisement