I Simposio Arte e Natureza no Museo Pazo de Tor

O deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, presentaron o programa do I Simposio Arte e Natureza (incluído no proxecto global EnREDarte) que se vai desenvolver este verán no Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos. Este I Simposio Arte e Natureza consta de dúas fases: a primeira, un Encontros co artista Fernando Casás no Pazo de Tor, e a segunda a execución dunha Convocatoria aberta de proxectos de intervención Arte e Naturaleza no Pazo de Tor.

I Simposio Arte e Natureza [encontros co artista Fernando Casás no Pazo de Tor]
Os movementos culturais foron asimilados pola nosa sociedade e orientados aos fins que esta considera válidos. ¿En que posición se atopa o artista e como se presentan os movementos de Arte & Natureza cando a ecoloxía pasa a ser a base do pensamento politicamente correcto? O esforzo de non ser absorbido polos intereses dominantes lévanos á deslectura como busca da experiencia subxectiva e primixenia, ao mesmo tempo que pode ser o vehículo para atopar a posibilidade dunha comunicación e intercambio distanciados do establecido. A idea da existencia do paraíso e da súa perda definitiva, e a busca da posibilidade remota dun sistema alternativo aínda sobrevive en escasos lugares do pensamento e da sociedade. Desculturas que nos abren á busca dun universo paralelo a través da natureza, das plantas e dos espazos cargados de poder.
Fernando Casás, xullo 2013

PROGRAMA

27 e 28 de xullo de 2013 > Museo Pazo de Tor

> Sábado > 27 de xullo > 10.30h. >Conferencia Inaugural : Arte e natureza: civilización e urxencia doutra realidade, por Fernando Casás
[considerado coma un dos iniciadores dos movementos de Arte e Natureza, vive e traballa entre España e Brasil. Dende finais dos anos 70, e no medio dun entorno tropical, comeza a fraguar unha obra de marcado carácter conceptual, moitas veces efémera e vinculada a evidenciar e reflexionar sobre a memoria e o paso do tempo na natureza. Desprazando a arte da súa posición convencional para ubicala na natureza e recollendo trozos da natureza para introducila en museos, galerías e espazos urbanos, a súa obra funciona como metáfora epistemolóxica da quebra das fronteiras entre natureza e cultura]
> Visita ao Pazo de Tor e finca
> Comida no Pazo de Tor

> Sábado >sábado, 27 de xullo > 16.30h. >Mesa Redonda: A angustia do paraíso perdido
Interveñen:
Fernando Casás (artista e profesor na Facultade de Belas Artes da UVIGO)
Ruth Montiel (artista multidisciplinar especializada en intervencións na natureza)
Alberto Ruíz de Samaniego (profesor de Estética e teoría das artes da UVIGO. Crítico cultural e comisario de exposicións)
David Barro (crítico, comisario e director da revista de arte DARDO magazine)
>Visita á Ribeira Sacra

>Domingo >domingo, 28 de xullo > 11.00h. >Mesa Redonda: Paraíso como natureza
Interveñen:
Fernando Casás (artista e profesor na Facultade de Belas Artes da UVIGO)
Federico López Silvestre (profesor doutor de Historia das Ideas Estéticas Moderna e Contemporánea na USC e cunha importante tese dedicada á paisaxe)
Lucía Loren (artista madrileña especializada en arte e territorio, con numerosas intervencións na natureza e rural en toda España)
Chus Martínez (crítica de arte e comisaria de exposicións independente)

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

-Formulario de inscrición I Simposio Arte e Natureza [encontros co artista Fernando Casás no Pazo de Tor]: http://bit.ly/12jA1CI

Convocatoria aberta de proxectos de intervención Arte e Naturaleza no Pazo de Tor, enmarcada dentro do proxecto global EnREDarte.
Número de Prazas |50
Destinatarios | Prioritariamente artistas, aínda que tamén se abre a historiadores da arte e outros axentes do sector.
Lugar | Rede Museística, Pazo de Tor.
Prazo de presentación dos proxectos: ata as 14:00 horas do 10 de agosto de 2013.
Publicación da resolución cos proxectos seleccionados: 12 de agosto de 2013.
Intervención no Museo Pazo de Tor: do 20 ao 25 de agosto de 2013

Toda a información nas seguintes bases:
– BASES Convocatoria proxectos de intervención Arte e Naturaleza no Pazo de Tor:http://bit.ly/12tdFgW

Coordinación | Encarna Lago e Pilar Sánchez
Máis información: xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org / tfnos.: 982242112 / 699 836 883

Deixar un comentario