ESTUDIO ABERTO
BASES DA CONVOCATORIA
“Estudio Aberto” é un proxecto concibido como un espazo para o diálogo directo entre os artistas e o público. A Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo ofrécelles a Sala de exposicións temporais do Pazo de San Marcos a artistas plásticos de diferentes disciplinas (pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videocreación,…) para que durante dous meses a convertan nun estudio aberto, no que os artistas elixidos disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados. Esta iniciativa desenvolverase desde o 1 de xullo ó 31 de agosto de 2013.
1.- PARTICIPANTES:
Poden concorrer a esta convocatoria todos os artistas que o desexen, sen exclusións por motivos de idade ou procedencia.
2.- DISCIPLINAS:
As prazas convocadas para este proxecto serán 6; unha por cada unha das disciplinas que se enumeran a continuación: pintura, escultura, instalación, debuxo, fotografía e videocreación. A temática, formato e técnica serán libres, mantendo sempre o respecto polo espazo e polos outros artistas.
3. – SOLICITUDE:
Os participantes deberán cubrir o formulario de solicitude, que para tal efecto se poñerá á súa disposición na páxina web da Rede Museística da Deputación de Lugo (http://www.museolugo.org) e envialo, en formato dixital, xunto co resto da documentación requirida, ó enderezo: xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org, antes das 14:00 horas do 30 de maio.
4. – DOCUMENTACIÓN:
– Dossier de obra recente (máximo 10 páx.)
– CV artístico (máximo 2 páx.)
– Fotocopia do DNI
– Indicar número de teléfono de contacto, enderezo postal e e-mail
– Solicitude, debidamente cuberta, cunha breve proposta da obra para realizar
5.- RESOLUCIÓN:
A resolución coa relación dos artistas e dos proxectos seleccionados, que deberán ser inéditos, farase pública, o día 10 de xuño, na páxina web do Museo Provincial de Lugo (http://www.museolugo.org) e no blog do Proxecto Enredarte (https://enredarteredemuseistica.wordpress.com/). Ós artistas seleccionados seralles notificada a dita resolución por teléfono e/ou correo electrónico.
6. EXPOSICIÓN:
O proxecto desenvolverase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto de 2013
7.- DEREITOS E DEBERES:
A Rede Museística da Deputación de Lugo non se fai responsable:
– dos gastos de materiais, medios e ferramentas necesarios para realizar as obras polas cales os artistas foron seleccionados; así como tampouco dos gastos da montaxe, desmontaxe e trasporte das citadas obras.
– dos gastos de aloxamento e manutención dos artistas participantes, así como tampouco dos seus traslados.
– dos danos ou faltas que poidan xurdir nas obras e nos medios e materiais utilizados polos artistas durante o proceso de traballo.
A Rede Museística da Deputación de Lugo:
– poñerá á disposición do artista os planos ou parámetros técnicos dos ditos espazos, que poderán visitar, aviso previo, se o considerasen necesario.
– comprométese á elaboración do correspondente catálogo do proxecto escollido
As obras realizadas na convocatoria serán propiedade dos artistas, polo que unha vez finalizada a mostra estes disporán de 15 días para retiralas.
8.- XURADO:
– O xurado estará formado por expertos do mundo da arte e membros da Rede Museística Provincial.
– O xurado valorará a calidade e a orixinalidade dos proxectos, o desenvolvemento do proxecto expositivo e a súa adecuación ós obxectivos definidos nesta convocatoria.
9.- ACEPTACIÓN RESPONSABLE:
– A persoa que solicita a participación nesta convocatoria deberá declarar que os datos que achega son veraces e que acepta todos os puntos presentes nesta, comprometéndose a levar a cabo os ditos puntos e respectar os prazos estipulados.
– Para calquera información adicional, pode deixar as súas consultas no e-mail xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org ou no tfno. 982 242 112.
10.- RENUNCIA:
– A participación nesta convocatoria de “Diálogos na Rede” supón a aceptación das presentes bases, as resolucións que o xurado e a organización consideren oportunas e a renuncia a calquera tipo de reclamación.